Saturday 20 de April de 2024

A directiva do porto francés de La Rochelle afonda nas posibilidades de negocio do Peirao Deportivo de Portosín


Os xestores das infraestruturas galega e francesa sentaron as bases de colaboración para o impulso aos tránsitos europeos e a programación de actividades conxuntas para incrementar a mobilidade entre ambas costas

Unha representación da directiva do porto municipal da localidade francesa de La Rochelle visitou as instalacións do Real Club Náutico de Portosín, no municipio coruñés de Porto do Son, para interesarse polas potencialidades náuticas desta infraestrutura de cara a posibles accións conxuntas no futuro. A delegación francesa visita estes días a nosa comunidade no marco dun encontro institucional con Portos de Galicia.

O ente público que preside José Juan Durán está a desenvolver diferentes accións promocionais dos peiraos de titularidade da Xunta de Galicia, entre as que figuran a sinatura dun protocolo de colaboración global para todo o litoral galego e a visita a algúns dos portos deportivos de referencia da nosa comunidade. Deste xeito increméntanse as iniciativas desenvolvidas pola Administración portuaria galega de cara á situar a Galicia na primeira liña do negocio náutico europeo e optimizar o aproveitamento económico desta actividade.

O porto des Minimes-La Rochelle funciona baixo a xestión dunha empresa pública, de titularidade municipal, e supón o referente principal do sector náutico recreativo no Arco Atlántico. Conta cunhas 5.000 prazas de amarre, o que supón un tercio do total das existentes en Galicia e unha facturación anual de arredor de 12 millóns de euros. O seu presidente, Christian Marbach, o director do porto e a tenente de alcalde de La Rochelle conforman a delegación que visitou hoxe o RCN Portosín co obxectivo de ampliar posibilidades de negocio.

Dentro do ámbito de colaboración entre os portos galegos e o Port des Minimes, Portos de Galicia impulsará liñas de traballo en relación coa formación de persoal e mellora da calidade dos servizos, así como o impulso de regatas de carácter internacional. Así mesmo, afondará no campo da navegación a vela, que no porto francés supón máis do 70% dos amarres, mentres que en Galicia sitúase en torno ao 30%. No caso de Portosín, subliñaranse especialmente as potencialidades do negocio dos tránsitos, no que este peirao destaca no panorama autonómico con máis de 237 tránsitos rexistrados o pasado verán.

Deste xeito, Portos de Galicia continúa a afondar nos obxectivos definidos no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que se está a executar e que ten por horizonte último a optimización das potencialidades náuticas da nosa comunidade debido á súa ubicación xeoestratéxica, de cara á xeración de riqueza e emprego a través do sector da náutica recreativa.